A dignidade do Irixo

Cando suprimiron o coche de liña -onda nós nunca se lle chamou autobús- que cubría o traxecto entre o Carballiño e O Irixo, e viceversa, decateime de que a miña terra adoptiva perdera unha das súas principais referencias. Os horarios da liña, primeiro a empresa Perille -eu non a acordo-, logo o Campinas e por último o Auto Industrial, marcaron os tempos da miña xente, xunto coa campá da torre da igrexa, durante a maior parte do século XX.

O subir e o baixar do transporte público, tres veces ao día, por unha estrada de coios e polvareda, estableceu costumes e ritmos que ninguén lembra, que se perderon. Foi precisamente no ómnibus onde coñecín, a finais dos sesenta, a Pepe Nogueira.  Colleramos o último para arriba, o das oito e media da noite, pero como se encheu axiña, a uns cantos tocounos viaxar de pé.

Cadramos por depar e a conversa xurdiu de seu. Pepe, que andaría daquela nos trinta, destacaba por fornido, tirando a pequenote, o pelo basto e peiteado ao cepillo, pero, sobre todo, por falador. Eu acababa de chegar da Arxentina, el xa andara moito mundo: Canadá, Australia, Alemaña…

Precisamente ese foi o tema que tocamos. Mais a pesares da obrigada cautela, comprobei que vestiamos en ideas: antifranquistas e galeguistas. Aquel verano atopámonos en case todas as festas e romarías da bisbarra, acabamos intimando. Débolle a miña inmersión na aldea, ao longo dos setenta, a un grupo de amigos que me valeron a vida e as palabras: Xosé Dobarro Dejuane, Xulio Dobarro Ferradás, Elixio Villaverde García e Xosé Nogueira Bernárdez, Pepe. Nada sería igual sen eles no Irixo, tampouco en Santiago, en Vigo… Pepe, o maior e o que máis posibilidades económicas tiña, representaba a irmandade telúrica, a bonhomía solidaria, a sensatez, a ansia de liberdade. Frecuentador do mundo cultural -sabía desenvolverse no ambientes progres con intelixencia-, nunca dubidou en encararse, con irónica habelencia, á estupidez banal, á hipocrisía. Era home dunha peza enteira, sen dobreces, profundamente humano, tenro e xeneroso. Pepe Nogueira fóisenos a moitos, porque el sabía ser de todos. Nós, os que tivemos o privilexio de compartir con el circunstancias moi dispares e aventuras incribles, seguirémolo botando, sempre, de menos. Pepe non lles falta aos de Marnotes nin aos seus irmáns. Sabémolo por unha raiola de luz atravesando unha folla, por un mínimo detalle. El está aí, convosco, nesta batalla pola dignidade, pola supervivencia do Irixo.

 

Luis G. Tosar.

This entry was posted in Incineradora. Bookmark the permalink.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *